A presentación desta XVI edición da Festa dos Callos do Porriño tivo lugar na mañá de hoxe na Praza do Arquitecto Antonio Palacios, contando coa presenza do Alcalde do Porriño, Raúl Francés; do concelleiro de Festexos do Concello Do Porriño, Marcos Rodríguez Novás; do conselleiro delegado da empresa Frigolouro, Javier Briones; do Alcalde do viciño concello de Salceda de Caselas, Marcos Besada, e da súa concelleira de Cultura, Teresa Pérez, que veñen de celebrar tamén a súa Festa dos Callos; e do pregoeiro da festa, Joaquin Diz “Cuquín”.
O Porriño servirá unhas 15.000 racións de callos entre os días 3 e 4 de Outubro, que serán preparadas polo grupo Coren. A festa celebrarase na Praza de San Sebastián da vila porriñesa. O prezo das racións mantense respecto ao ano pasado, catro euros a ración de callos para levar, e seis euros a ración para degustar no recinto da festa, incluindo os callos, pan, viño, e o prato e a cunca conmemorativos desta edición. O sábado día 3, a partires das 23:30 horas, haberá degustación de callos para os maiores e nenos.
A degustación infantil é unha iniciativa xa celebrada anos pasados, para fomentar o consumo deste típico prato da nosa gastronomía entre os máis novos e novas. Cada neno ou nena que participe recibirá un agasallo. Amenizarán a degustación os Festicultores Troupe (www.festicultores.com), cos seus pasarrúas con ritmos balcánicos e festa rachada que tanto gustaron o pasado sábado, cando actuaron polas rúas do Porriño co gallo do día grande das Festas do Cristo. O domingo día 4 terá lugar a festa propiamente dita, desde primeiras horas da mañá.
O pregón, que terá lugar ás 12:00 horas, correrá a cargo do porriñés Joaquín Diz “Cuquín”. A mañán estará amenizada polo grupo de música da Asociación Cultural Os Zoqueiros do Porriño. A Festa dos Callos supón o remate das Festas do Cristo 2009, as festas patronais do Porriño. Durante un mes, a vila do Louro gozou dunha programación de actividades variada e para todos os públicos: música, teatro, animación de rúa, deporte, obradoiros medioambientais, sendeirismo…que toca ao seu fin con esta tradicional festa gastronómica.
0 Respostas to “O Porriño celebra a XVI edición da Festa dos Callos o vindeiro domingo”