Veciños da rúa Servando Ramiro denuncian o afundimento do vial

obras-en-servando-ramilo.jpg 

:: Os veciños trasladaron ao Concello a súa preocupación, e pediron máis seguridade por parte da empresa que realiza as obras de derrubamento do inmoble no que se pretende edificar, situado ao lado da praza do Cristo” ::

Os veciños da rúa Servando Ramilo mostraron a súa preocupación polo paso continuo de camións de gran tonelaxe por esta rúa para unha obra próximo debido ao afundimento que, din,  se está a producir e que pode afectar ás vivendas da mesma.

Segundo os veciños, a rúa tense afundido a partir do inicio das obras varios centímetros e temen que poida afectar aos piares das casas situadas nesa rúa, ao ser estas moi antigas. “Co agravante de que a rúa Servando Ramilo atópase nun plano superior á Rúa Ramiranes e os muros de contención da rúa son sobre os que se sustentan as vivendas afectadas”, aseguran nun comunicado.

Os veciños trasladaron ao Concello a súa preocupación, “aínda que ata agora o Concello non fixo caso das peticións de máis seguridade por parte da empresa que realiza as obras de derrubamento do inmoble no que se pretende edificar, situado ao lado da praza do Cristo”. Os camións de gran tonelaxe circulan a escasos centímetros das fachadas das vivendas.

Os camións entran por sentido contrario pola Rúa Ramiranes, por un tramo de beirarrúa e pola Rúa Servando Ramilo, para non pasar por un pequeno anaco da rúa peonil Ramón González, provocando a inutilidade da rúa para o paso de peóns, coches e veciños durante o tránsito, denuncian os veciños. Sen embargo os camións de servizos municipais utilizan a alternativa solicitada polos veciños. “Este tránsito e nun só día de paso dos camións de máis de 20 Tn xa está provocando visibles danos na zona peonil de Ramiranes. Non entendemos a permisividade do Concello coa empresa que realiza as obras, sabendo que durante a obra circularán miles de camións de ata 36 Tn”.

Para os veciños, o Concello debería prohibir o paso de camións deste gran tonelaxe por perigo de que a rúa continúe a afundirse e afecte gravemente aos inmobles da zona. Segundo varios veciños, pediron xa a un notario que revise as vivendas por se aparecen gretas nos inmobles.

Piden que, ou ben os camións pasen polo anaco de rúa peonil que une as rúas Pena e a obra (situada no Parque do Cristo), ou ben que a empresa use camións de moito menor tonelaxe para evitar que se siga afundindo e afecte ás súas vivendas. Se propuxo esta alternativa ao concello mediante escritos e reunión co alcalde o día 12 de novembro, negándose este en rotundo á posible alternativa, aducindo que o acceso para ese propiedade é por Servando Ramilo, cando realmente e ata a construcción da vía peonil o acceso era pola alternativa proposta polos veciños.

Por último, os veciños informaron que trasladaron aos partidos políticos da oposición as súas queixas “diante da falta de preocupación por parte do Concello e non descartan impedir o paso aos camións se na presente semana non reciben unha solución aceptable”.

0 Respostas to “Veciños da rúa Servando Ramiro denuncian o afundimento do vial”



  1. Deixar un comentario

Deixar un comentario