O Alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada asinou o contrato para a Redacción do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais que vai ser cofinanciado polo propio Concello e a Consellería de Medio Rural mediante un convenio de colaboración.
O orzamento para os traballos de elaboración deste plan ascende a 8.000 €, dos que a Consellería, a través da Dirección Xeral de Promoción do Emprego vai aportar 4.000 € facéndose cargo o Concello de Salceda de Caselas da diferencia. A empresa contratada para a redacción deste plan é Ideara S.L., que conta cunha ampla experiencia neste sector e que xa comezou os traballos de campo para levalo a cabo. O prazo para ser aprobado remata o 15 de novembro.
Unha vez dado este paso terá que ser integrado do Plan de Emerxencias Municipal que tamén está pendente dos informes favorables da Dirección Xeral de Protección Civil para ser aprobado definitivamente O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais é un documento obrigatorio e fundamental para analizar, previr e defenderse dos incendios forestais ademais de coordinar os distintos operativos de extinción, seguridade e emerxencias que se poden plantexar ante situacións deste tipo.
Nel establécense distintos apartados, como poden ser os antecedentes, os obxectivos, o ámbito territorial, a análise da situación actual e actuacións previstas, os riscos de incendios, os medios municipais, a regulación de aproveitamento e usos, a análise económico-financieira das actuacións e o control do plan. Por outra banda tamén conta con un anexo onde se relacionan os traballos prioritarios de limpeza de zonas forestais en coordinación co Distrito Forestal de Zona.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, valorou como un obxectivo de goberno a posta ó día nestes trámites administrativos e de coordinación que o anterior goberno tiña esquecidos e que servirán para coordinar non só ós distintos corpos de prevención, extinción, seguridade e emerxencias, senón tamén a traballadores e poboación en xeral ante situacións de risco e que garantan unha loita eficaz contra os incendios forestais ademais da mellora da seguridade dos máis de 8.000 veciños que ten o Concello. “Este é un paso máis na teima deste goberno de preservar o medio natural, intentando evitar no posible as situacións tan desastrosas, como son os incendios forestais”.
0 Respostas to “Salceda conta cun plan de prevención de incendios forestais”