O acto de presentación contou coa presenza da concelleira de Medio Ambiente, Miriam Martínez Troncoso; e con persoal técnico responsable do programa O Concello do Porriño organiza este programa en colaboración coa Asociación Ecolóxica en Defensa de Galiza (ADEGA)
O Concello do Porriño informa, a través da súa concellaría de Medio Ambiente, dirixida por Miriam Martínez Troncoso, da posta en marcha no Porriño da segunda edición do programa Compostaxe Caseira. A intención do programa Compostaxe Caseira, é a de mellorar o aproveitamento da materia orgánica xerada cos residuos domésticos (horta, cociña, etc). Consiste na entrega ás persoas participantes dun composteiro que se deberá situar nunha horta, xardín ou garaxe para comezar o proceso de compostaxe.
O persoal de ADEGA visitará os distintos fogares por tres veces ao longo dos sete meses de duración de Compostaxe Caseira, para asesorar e supervisar todo o proceso. As persoas interesadas en participar no programa, deben cumprimentar un documento de inscrición que se pode recoller na Casa do Concello e no Centro Cultural Municipal. É necesario estar empadroado no Porriño, e presentar o recibo do lixo para participar no programa. O prazo de inscrición remata o vindeiro 6 de novembro.
As prazas son limitadas, pois o número de composteiros é de 72. As persoas participantes deberán comprometerse a desenvolver o programa durante os sete meses de duración. As persoas anotadas no programa recibirán supervisión no proceso de elaboración de compost. Durante o desenvolvemento do programa, que durará entre sete e oito meses, as persoas participantes recibirán tres visitas do persoal técnico, a primeira para instalar os composteiros, a segunda para solucionar as dúbidas que poideran xurdir, e a terceira para realizarlles unha enquisa que serva para valorar e mellorar o programa.
A concellaría de Medio Ambiente, unha vez rematado o prazo de inscrición, ten previsto organizar unha charla co persoal técnico de ADEGA para explicar ás persoas inscritas o desenvolvemento do programa. “Con este programa pretendemos rachar cos hábitos actuais e recuperar unha práctica tradicional sustentábel como é a compostaxe caseira. Esta práctica con materia orgánica, permite eliminar o 50% do noso lixo, e axudar a separar mellor os distintos tipos de residuos, así como crear un fertilizante de moi boa calidade tanto para uso agrícola como para plantas e xardíns”, afirmou a concelleira de Medio Ambiente
0 Respostas to “Presentouse o programa Compostaxe Caseira no Porriño”