Manuel Carrera: “Estamos estudando a integración de Independientes de Porriño no PP”

1.Manuel carreara. hernández

O  PP chegou de novo á Xunta. No Porriño goberna o BNG; Pensamos que era un bo momento para coñecer algo máis dos movementos internos deste Partido nesta vila industrial galega. Falamos con Manuel Carrera, xefe de filas das últimas eleccións e home chamado a novas responsabilidades, segundo din “as malas linguas”, cousa que el nega, de momento. Manuel Carrera é home de poucas palabras; escueto e preciso. Nótaselle certa timidez diante dunha gravadora, pero por outra banda véselle sincero. Tal vez ainda non bebeu a beberaxe amarga do Poder. 

Guillermo Rodríguez/ Foto: Hernández

-No Porriño segue gobernando o BNG, ¿por que?
-O BNG goberna, en primeiro lugar, porque foi o partido máis votado no Porriño e a dereita non se pon de acordo. Como hai algún partido que considerou que aínda sacando menos concelleiros que o PP debería gobernar, xorde este problema que temos na dereita. Cos Independientes  de Porriño nunca tivemos problema. Dende o primeiro momento aceptaron os resultados. O día da investidura votaron ao Partido Popular, e Ciudadanos por Porriño non o entendeu así; entendeu que con menos concelleiros eles terían que chegar á Alcaldía.   Os resultados no Porriño din que o Partido Popular foi o partido que máis concelleiros sacou, que máis votos sacou da dereita;  todos entendemos que tería  que ser o Partido Popular, nese suposto pacto, quen tería que gobernar, pero hai quen non o entende así.

-Que vai pasar co PP nas vindeiras eleccións? A dereita vaise presentar dividida?
-Estamos estudando a integración de Independientes de Porriño no PP. Está claro que de haber un pacto buscaríase a integración dos tres partidos de centrodereita.  Gonzalo Ordóñez é  unha persoa que estivo no Partido Popular e que por motivos persoais, particulares no seu momento, decidiu irse a un partido independente, sen embargo  votou ao Partido Popular na investidura; síntese do Partido Popular e o que está claro é que temos que intentar non ir por libre. Estamos a ver os resultados, dende o primeiro momento que houbo un partido independente no Porriño, o Partido Popular deixou de gobernar no Porriño;  eu penso que despois de dúas lexislaturas con estes problemas, os que somos de centrodereita temos que ser intelixentes e saber que temos que camiñar xuntos.

-Esa posible integración de Ordóñez no PP significaría que Carrera podería marchar para a Xunta e deixar a Ordóñez como candidato, ou Ordóñez acepta a Carrera como candidato?
-Para iso aínda quedan dous anos, o primeiro que temos que formularnos é esa posible integración, ao mellor non hai tal integración, e dentro desa posible integración habería que falalo, habería que tratar de matizar todo o que leva a integración, pero eu estou aquí para facer política local, eu fun o candidato nestas últimas eleccións municipais e entendo que debería seguir sendo o candidato para as próximas eleccións municipais.

-Hai rumores de que a Carrera lle ofreceron un posto na Xunta, é certo?
-Non é certo. No Porriño había moitos comentarios de que se Carrera ía para a Xunta, que se deportes, que se o equipo de ciclismo…, non houbo nada diso, o único que se barallou, e estamos niso é a Deputación. Eu  estou de reserva na Deputación, e agora aos dous anos toca un cambio  como así se acordou na reunión que tivemos ao inicio desta lexislatura, que pola zona da Louriña e Baixo Miño está o alcalde do Rosal ; estaría dous anos, e despois daría paso ao reserva. Na  reserva estabamos Nidia Arévalo e Manuel Carrera. Logo de que Nidia se foi do partido é lóxico que sexa eu o candidato. Pero o da Xunta, polo de agora non hai nada.

-Suponse que a Ordóñez non lle gustará ir de gregario de Manuel Carrera, pola súa traxectoria, porque leva anos aí pelexando; suponse que pedirá algo a cambio.
 -O que falamos máis dunha vez Ordóñez e máis eu foi que el non quería seguir na política local. Posiblemente pretenda aspirar a algo fóra de O Porriño e a cambio propiciar a integración do seu partido no PP local. son cousas que el saberá e das que non teño máis que suposicións.

-A  familia Barros segue apartada da política local?
-Barros deixou a política, o sabemos todos, eu no seu momento ofrecinlle ao fillo vir na lista comigo; de  xeito unilateral el decidiu non seguir, a min díxome nunha reunión que tivemos el e máis eu, que non estaba moi convencido de seguir en política e el mesmo foi quen abandonou. Agora mesmo, o fillo de Barros, Chiño Barros, está comigo na executiva, estamos colaborando xuntos, e de momento é o que hai. A verdade é que falo moi pouco con Barros pai, desvinculouse da política activa.

-Estás contando con Chiño Barros para futuros proxectos?
-Polo momento, Chiño está na executiva, estamos traballando un grupo de vinte persoas na executiva, estamos facendo  plans importantes para os vindeiros dous anos: congreso de Nuevas Generaciones, entregas de novos carnets ós afiliados coa presenza dalgún cargo importante do Partido se é posible; temos pendente unha gran festa con todos os interventotres e apoderados do partido que se prestan voluntarios para eses traballos, etc.
 Con isto, quero dicir que estamos a traballar xuntos nun proxecto novo coa nova candidatura, como eu que, na cabeza de lista das municipais, empecei a traballar, a organizar o partido…, e o que sexa nas próximas eleccións municipais non nolo formulamos aínda.

-Que pasou coas Galescolas?
-O das Galescolas é un exemplo claro da despreocupación  deste goberno. Por moito que pretendan argumentar, escudarse de que o Consorcio actuou mal pechando a Galescola. Ten que facelo se non reúne as condicións óptimas para o seu funcionamento.
Eu fun a Santiago para informarme debidamente, con documentos,de cal era a situación. A propia directora do colexio mandara, na mañán da reunión de pais, oposición e goberno, un informe solicitando o peche do centro. Xa no ano 2006 o servicio de inspección solicitara unha serie de requisitos imprescindibles para o bo funcionamento do Centro.fixera unha serie de advertencias que o Concello non tivo en conta.
 Os pais protestaban porque o local estaba en moi malas condicións. Estaba claro que non habían feito absolutamente nada, cando o que ten a obrigación de solucionar todos eses problemas de mantemento e incluso de estruturas é o Concello. Nos medios dicía o BNG que lle sorprendía que pechasen a Galescola, a min o que me sorprende é que eles se sorprendan, cando tiñan un montón de requirimentos ano tras ano e non fixeron absolutamente nada. É un problema de abandono.

-Como cualificarías a política do BNG, en termos xerais, nos dous anos que leva gobernando?
-A política do BNG é practicamente a mesma que fai dous anos, eu creo que incluso un pouco peor. Houbo algún concelleiro que se acostumou ao poder e fai o que lle dá a gana, conta cos grupos da oposición nada máis que para pedir diñeiro, que é outra cousa que non entendo, que aprobaran fai uns meses un orzamento de 4.000 millóns de pesetas e o único que se vexa en Porriño son as obras do Plan E, outra cousa non se ve, entón eu pregúntome se eles dicían que eran certos e que eran reais eses orzamentos de 4.000 millóns de pesetas, no Porriño non se están notando.

-Será que o Concello ten débedas pendentes por pagar de anos pasados…

-Si, pero iso non foi o que venderon, eles venderon os orzamentos, que ían facer moitas cousas no Porriño.

-Como concelleiro ti sabes se hai débedas ou non…
-Débedas teñen tódolos concellos, iso está claro, pero hai concellos que fan cousas e hai concellos que non fan nada. Iso é o que nós preguntamos. E logo, dicir que non contan cos partidos da oposición absolutamente para nada, están facendo unhas obras do Plan E que nós nos enteramos cando se iniciaron esas obras e que ían pechar as rúas o día que estaban na rúa, non sabemos que rúas van ir peatonais e cales non, e evidente que haberá uns expedientes e que nós deberiamos revisar eses expedientes, pero eu penso que tamén é obrigación do equipo de goberno falalo como falan doutras cousas de moito menos importancia que nos chama á xunta de portavoces para falar.

Advertisements

1 Response to “Manuel Carrera: “Estamos estudando a integración de Independientes de Porriño no PP””


  1. 1 lector 9 Xullo 2009 ás 22:18

    Carrera amosa unha vez máis a súa pouca experiencia política: fala de cousas que inda non son coma se foran e fai afirmacións sobre persoas sen saber se son certas….

    Dende que vin que ofrecía ó BNG un pacto, xa me din conta que o tipo é “un pouco tropical” para este concello e para os seus votantes.

    O único que vale a pena é Chiño. Dende logo toda a dereita o apoiaría.

    Por outro lado, se o tema vai en serio, se IdeP se integra co PP, o BNG ten que temblar porque o descabalgan nas próximas sen Nelson, outro damnificado da operación. O ter o PP 6 concelleiros e a ola da Xunta, seguro que sacarían máis que o BNG e en segunda volta, terían a alcaldía sen necesidade de pactos e botarían fora o BNG, dado que estes non terían apoio de ningún grupo salvo que o PSOE se suicidara volvendoo a apoiar logo de botalos a patadas o BNG do goberno.

    Se fose certo Ciudadanos tamén xa pode pechar o chiringuiro porque quedarían inservibles (bueno, xa o están agora…) para calquer pacto de futuro e Nelson pasaría ó ostracismo (inda máis) político.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s





%d bloggers like this: