A exposición ‘Antón Alonso Ríos, O Siñor Afranio’ chega ao Porriño

 afranioc

 ::A mostra sobre a vida do deputado galeguista Antón Alonso Ríos permanecerá no concello porriñés até o vindeiro día 20 de xaneiro::

A exposición Profesor, político, emigrante, fuxido, exiliado. Antón Alonso Ríos é un dos protagonistas claves da Galiza do século XX e sufriu directamente a dureza da represión franquista. Para dar a coñecer mellor a súa figura, a Consellaría de Cultura e Deporte promove a mostra Antón Alonso Ríos. O Siñor Afranio , que arriba no Porriño entre o 7 e o 20 de xaneiro.

A exposición fai un percorrido pola vida e o pensamento de Antón Alonso Ríos, profesor e político, que tras o levantamento militar de 1936 pasou varios anos percorrendo os montes de Galiza e Portugal facéndose pasar por un cidadán portugués chamado Siñor Afranio. En 37 paneis a mostra percorre tres etapas vitais: desde o seu nacemento até o ano 1936, o período 36-39, no que el estivo fuxido, e do ano 1939 ata o final da súa vida. A exposición, que comezou a súa itinerancia en Tomiño no mes de outubro, poderase visitar  logo noutras doce localidades máis polas que pasou o Siñor Afranio fuxindo das autoridades franquistas. A continuación a mostra chegará ao seu concello natal, Silleda, e ás principais cidades galegas.

A mostra enmárcase nunha serie de actividades que co nome Roteiro do Afranio organiza a Consellaría de Cultura e Deporte, en colaboración con numerosos colectivos e pariticulares interesados en recuperar a memoria de tal insigne persoeiro. Este proxecto pretende dar a coñecer a un público amplo a figura de Alonso Ríos. Trátase dun proxecto que ademais da exposición incluirá unha web divulgativa do roteiro e da figura do deputado agrarista e unha guía de turismo cultural.

A vida de Alonso Ríos

Antón Hipólito Alonso Ríos, naceu en 1887. Logo de estudar en Compostela, emigrou a Arxentina ao igual que algúns dos seus once irmáns. Alí traballou coma mestre e entrou no mundo societario colaborando coa fundación “Sociedad Hijos de Silleda” en 1908. De 1919 a 1931 foi xerente da “Sociedad Científica Argentina”.

Voltou á península en 1931, enviado pola Federación de Sociedades Galegas, representando á emigración na II República. Ese ano foi escollido membro do Consello Permanente do Partido Galeguista así coma presidente da “Asamblea Republicana de La Coruña” para o estudo do anteproxecto do Estatuto de autonomía de Galicia. Traballando en Tomiño coma director de escola, defendeu os intereses do mundo agrario desde a “Federación Provincial Agraria de Pontevedra” e participou na Campaña Pro Estatuto. En 1936 resultou elixido deputado agrario ás Cortes polo Frente Popular, uníndose á disciplina do grupo de deputados do Partido Galeguista.

Logo do golpe de Estado militar, tomou parte na defensa da República en Tomiño, organizando a resistencia mediante a agrupación de gardas de asalto en Tui. Perseguido, fuxiu disfrazado coa identidade do cidadán portugués “Siñor Afranio de Amaral” nas vilas e montes galegos. Foi mendigo, traballou nas colleitas e nas casas e até se fixo pasar por frade. Tras pasaren tres anos, consegue chegar a Porto, Casablanca e finalmente Bos Aires. No exilio, colaborou cos refuxiados galegos no exterior e axudou a reconstruír o nacionalismo galego coa “Irmandade Galega”, a alianza “Galeuzca” ou o Consello de Galiza, do que foi presidente após da morte de Castelao.

As súas obras máis destacadas foron os ensaios “Noite i amañecer de Galiza” (1942), “Co pensamento na Patria Galega”, “Da saudade, amore, arte e misticismo” (1956) e “A Cultura Galega na súa dimensión americán” (1961). Participou, nos últimos anos da súa vida, en todas as actividades patrióticas da colectividade galega. Na autobiografía “O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte. Memorias dun fuxido” (1979) describe o seu periplo durante a persecución franquista. Faleceu en 1980, aos 93 anos de idade.

 O Alcalde do Porriño, Raúl Francés afirmou que “Antón Alonso Ríos é un dos políticos máis importantes da historia contemporánea de Galiza. Debemos recuperar a figura de tan insigne galeguista, tantos anos esquecida, e convertila en patrimonio do conxunto da sociedade galega. Ser coñecedores do noso pasado faise fundamental para construirmos entre todos e todas o futuro do noso país”

Advertisements

0 Responses to “A exposición ‘Antón Alonso Ríos, O Siñor Afranio’ chega ao Porriño”



  1. Deixar un comentario

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s





%d bloggers like this: