Presentouse a Semana do Libro e a Lectura do Porriño

O Alcalde do Porriño, Raúl Francés, e a Delegada Secretaria Provincial da Consellaría de Cultura e Deporte en Pontevedra, Olga Lema, presentaron a Semana do Libro e da Lectura “O Mar”, que se celebrará a partir do próximo domingo e até o día 25 de outubro na Casa da Cultura da vila. Nesta ocasión, a campaña polo fomento da lectura ten por motivo a literatura de temática mariña.

Esta iniciativa, promovida pola Consellaría de Cultura e Deporte e a Asociación Socio- Pedagóxica Galega (AS-PG), busca promover o hábito lector desde as máis curtas idades e implica a toda a comunidade escolar, levando a lectura a nenos e adultos dunha forma moi amena: acompañada por música, danza, teatro, manualidades ou debuxo.

As xornadas inaugúranse o domingo ás 12.30h na Casa da Cultura da vila co espectáculo “Canta connosco” no que a música e o teatro inculcan o pracer da lectura e o poder da imaxinación. A partir do luns, as aulas para os rapaces de primaria e secundaria mudarán os libros de texto por obradoiros de teatro, monicreques, ilustración, contacontos, educación ambiental, pintura e creación literaria. As actividades de animación á lectura están dirixidas por Antón Cortizas; o obradoiro de escrita creativa por Lucía Rodríguez; Títeres Cascanueces será o encargado de darlle vida aos monicreques; Celso Fernández será a voz das historias que divertirán aos rapaces, e Terranova será a encargada de inculcarlles o respecto polo medio ambiente.

Polas tardes, os profesores volven ás aulas, mais para tomar notas. Durante toda a semana coñecerán novas formas de incentivo da lectura e de convivencia nas aulas a través doutras disciplinas, como as artes escénicas. Todo coa finalidade de estimular ao alumnado para que sexa máis participativo.
Tamén os pais volverán desfrutar dos contos e da fantasía e para concienciarse da importancia do seu papel á hora de transmitirlles aos pequenos o afán lector. Ademais, os maiores poderán acudir ás sesións de contacontos todos os días da semana a partir das 18h.

A clausura desta semana de literatura correrá a cargo de Títeres Cascanueces, coa narración “A rúa das pantasmas” o sábado día 25 ás 12.30h. O Alcalde do Porriño, Raúl Francés, afirmou que “Por segundo ano acollemos a Semana do Libro e a Lectura organizada pola Consellería, para nós é unha satisfacción participar neste circuito, un dos actos culturais máis importantes dos que se programan no país. Grazas a estasxornadas, muitos cativos e cativas se inician na lectura dunha forma lúdica”. Raúl Francés quixo destacar que “Cando o BNG chegou ao Goberno, a Biblioteca Municipal funcionaba
como un elemento residual dentro da área de cultura do Concello, mais agora, fixemos da Biblioteca o corazón cultural do Porriño. Nesta transformación, muito ten que ver a colaboración recibida por parte da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galiza” O Alcalde do Porriño quixo agradecer tamén a colaboración da Asociación Socio- Pedagóxica Galega (AS-PG) na organización das xornadas.

Exposición permanente
Ademais das actividades pedagóxicas, a Semana do Libro e da Lectura “O Mar” abre unha exposición cos materiais relacionados coa lectura e co traballo dos escolares. Na mostra, que se pode visitar ao longo de toda a semana, recompílanse os traballos elaborados polos alumnos nos obradoiros e libros que diversas editoriais cederon para esta iniciativa. Algúns dos volumes que podemos atopar no ámbito da ilustración son “O rato solteiro” (OQO), “Vai de mar” (Gálix), “O camiño de Anxo” (Anxo Fariña), “12 ilustracións para 12 libros” (Gabriela Rubio) ou “Galiza en Negro e Azul” (AS-PG).

A lectura desde a base
A Semana do Libro e da Lectura, que ten como referencia o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, xa percorreu os concellos de Oleiros, Viveiro, Carballo, Monforte e Tui antes do receso estival. Unha vez comezado o novo curso, a literatura relacionada co mar retomou a súa andaina en Allariz para continuar agora no Porriño e visitar proximamente Moaña, Noia e Barbadás.

Desde a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural sinálase a importancia destas xornadas para fomentar a lectura desde a base, cos máis cativos e cativas, mais implicando a todos os ámbitos que poden fomentar o gusto polas letras, como a familia e a escola. Ademais, con motivo desta iniciativa, a Consellaría editou unha guía de libros galegos relacionados co mar para o público infantil e xuvenil, agrupados por idades, e que se distribúe polas bibliotecas e centros escolares.

Advertisements

0 Responses to “Presentouse a Semana do Libro e a Lectura do Porriño”



  1. Deixar un comentario

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s





%d bloggers like this: