“Que hoxe O Porriño non teña orzamentos non é responsabilidade deste goberno”

Entrevista a Raúl Francés, alcalde do Porriño

Coa situación política convulsa que se está a vivir no Porriño,  logo de que fallara a moción de confianza presentada polo Alcalde, ligada á aprobación dos orzamentos, pendente dunha posible moción de censura, ou coa aprobación dos orzamentos tal como foron presentados, cremos oportuno buscar a opinion do actual alcalde Raúl Francés ao que atopamos no seu despacho, acougado, con ganas de seguir gobernando sen preocuparse do seu futuro.

Guillermo Rodríguez

– Sr. Alcalde, vostede mediu ben as consecuencias ao forzar unha moción de censura?
– Eu non forcei unha moción de censura, o que forcei foi a aprobación dos orzamentos, que é unha cuestión que O Porriño necesitaba porque estamos cos orzamentos do 2002,  condicionando seriamente o desenvolvemento do Porriño;  para O Porriño era imprescindible aprobar os orzamentos,  prioritario sobre calquera outra cuestión, e por iso os ligamos a unha cuestión de confianza.
– ¿Por que non buscou algún tipo de pacto ou acordo co PSOE ou outro grupo antes de chegar a esta situación?
– Nós entregamos os orzamentos un mes antes de levalos a pleno aos diferentes grupos e lles dixemos que estabamos abertos a negocialos e durante ese mes se produciron algúns encontros con diferentes grupos e non houbo ningunha proposta enriba de modificación enriba  da  mesa. Ao final foron ao pleno os orzamentos que nós presentaramos coas simples modificacións dos técnicos. Eu creo que os grupos perderon unha oportunidade importante para abrir negociacións.
– No pleno, ao parecer, o interventor fixera obxeccións aos orzamentos. ¿Vostede, coñecía esas obxeccións cando os levou?
– Non, a cuestión non é exactamente así, cando se presenta unha proposta a pleno ten que ser informada polos técnicos, neste caso dos orzamentos tiña que ser informado polo interventor na cuestión económica e polo secretario fundamentalmente na cuestión da plantilla do persoal. Ámbolos dous informes se meteron no expediente, foron a comisión informativa cos informes de ámbolos dous técnicos e o grupo de goberno que presentaba os orzamentos fixo unha votación condicionada a incluír dentro dos orzamentos as propostas que facían os técnicos, todas aquelas que eran posibles.
– A Peneira da Louriña  publicou  unha oferta  que lle fixera o PSOE e  Independientes para facer un tripartito maioritario, ¿por que non aceptou esa oferta?
– Nese ofrecemento do PSOE e os Independentes que vostedes publicaron, os independentes querían negociar un pacto de centrodereita, ao mesmo tempo o seu portavoz chegaba a dicir que un pacto que non fora de centrodereita sería un pacto non democrático, iso foi o que se publicou.
– No caso da moción de censura, ¿como ve a composición do novo goberno da dereita?
– Iso non me compete a min;  o único goberno que existe neste momento no Porriño é o goberno actual, que é o goberno en minoría do BNG. A posibilidade de que nove concelleiros ou concelleiras promovan unha moción de censura  é algo  que evidentemente ao BNG non lle compete.
– Imos supoñer que non se presenta a moción de censura. Vostede aproba estes orzamentos pero segue en minoría. ¿Pensa en buscar algún tipo de alianza para sacar adiante esas outras cousas que necesitan maioría no pleno?
– Todo o que vai nos orzamentos sácase directamente sen alianzas, entre elas, corrixir esa inxustiza de que os concelleiros do BNG que están traballando aquí e dedican moitísimas horas ao Concello poidan cobrar unhas cantidades polo seu traballo. Hai un ano os grupos da oposición castigaron ao goberno sacándolle as dedicacións; pretendían bloquear o Concello, cousa que non lograron. Con ou sen soldo os concelleiros do BNG seguiron traballando para os veciños. Nos orzamentos van corrixidas unha serie de cousas que evidentemente van a  permitir, se son aprobadas finalmente por esta fórmula, que O Porriño teña posibilidades de crecemento e de movemento moito máis amplas das que tiña ata agora.
– ¿Cales son as cuestións máis importantes que agora mesmo están paralizadas ou atascadas no Porriño por culpa de non ter os orzamentos?
– Hai dúas grandes áreas; gastos correntes  e inversións. No tocante ao gasto corrente, O Porriño herdou una situación, a nivel de persoal, caótica, inxusta e precaria. Nós queremos corrixir esa inxustiza que ven das xestións dos gobernos anteriores ao goberno do BNG e facemos unha aposta fundamental polo emprego digno e estable dentro do Concello, o que nos leva a contratar corenta e cinco persoas para cubrir servicio de lixo, limpeza viaria, etc. Crear un departamento de recursos humanos para controlar e dirixir todo tipo de contratación do Concello. Novo persoal para servicios sociais; apostar pola política de emprego que xa deu o resultado de terlle atopado traballo a máis de  200 persoas; apostar polo servizos sociais coa contratación dunha nova traballadora social.
Logo, o que se fai é dimensionar exactamente o custo dos servizos para actualizar as taxas a pagar.  As taxas veñen do do 2002. O Concello vai a empezar a traballar con datos reais e con previsións de ingresos e gastos reais.
En canto ás inversións cos orzamentos prorrogados, o Concello por si mesmo non pode facer inversións. Temos  unha proposta de inversións moi ambiciosa que ataca a aqueles problemas básicos da poboación: saneamento, vivendas para mozos, irradicar o chabolismo, conservación de viais, un novo auditorio, compra de terreos para enlazar Torneiros co centro urbano, etc.
– O Tribunal de Contas acaba de dar uns datos onde fala de concellos galegos que están nunha situación caótica, entre eles está O Porriño.¿Que hai de certo neses datos?
– En principio os datos non son tan caóticos como se está a dicir. Vamos a ver, hai un dato que se manexou, por exemplo, que nós non entregáramos as contas do 2005, e as contas levan entregadas no Consello de Contas máis dun ano e oito meses. O único é que quen fixo a noticia de prensa non reparou en que dicía non entregadas a 31 de decembro de 2006 e foron entregadas en marzo de 2007. Unha cuestión puramente técnica. É verdade que existe un remanente negativo que se arrastra dende o ano 2002 e 2003 (ata que nós chegamos ) por ter gastado máis do ingresado. Nós levamos aquí cinco anos sen orzamentos e creo que no informe ese do interventor vai haber algunha sorpresa nese sentido, algunha sorpresa agradable.
-Leva aquí cinco anos, ¿neste tempo cales foron as catro ou cinco cousas importantes que o seu grupo de goberno conseguiu para O Porriño e cales son as que están pendentes e se poden resolver nos vindeiros catro ou cinco anos?
– En principio hai unha cousa que non custa cartos e que nós fixemos: democratizar o concello. Demostramos que o concello pode funcionar democraticamente cunha atención ao público sen mirar a cor política da xente e a Oposición dispor de tódolos documentos para fiscalizar ó equipo de goberno.
 Iso é moi importante e, ademais é importante cando nós tivemos que xestionar un plan urbanístico que nós votamos en contra. Houbo que facer moita política de contención e de cumprimento da legalidade dentro do plan.  Nós fomos duros na cuestión de cumprimento da legalidade e, ao mesmo tempo. Trouxemos un novo estilo de goberno ao Porriño con máis democracia  e iso non custa cartos pero si consta que a xente ten máis información e pode protestar.  Agora a xente protesta e fai as súas demandas con total liberdade. Iso foi unha das primeiras cuestións que houbo que facer.
Despois facer un control riguroso do gasto. Nós iso fixémolo en dous capítulos importantes: estudando as ofertas dos provedores e, sobre todo, na política de persoal. Aquí toda a persoa que entra no concello pasa por unha selección e dá igual que a persoa que entra sexa do Partido Popular, do PSOE, do BNG, dos Independientes ou non sexa de nada….
Logo houbo unha cuestión a corrixir. Aquí tiñamos un urbanismo moi agresivo onde os coches e o tránsito, a empresa e os cartos, mandaban máis que o benestar veciñal. Os veciños viviamos encollidos. Había que facer unha política de comezar a recuperar espazos urbanos para que a xente puidera gozar como cidadáns do seu concello; por exemplo o que se fixo na rúa peonil, o que se fixo na Avenida de Galicia, son signos dun goberno que busca que a xente teña lugares de encontro, reunirse cos seus fillos e os  seus maiores en sitios non agresivos; que non teña que escapar do Porriño cada vez que queira dar un paseo. Hoxe miramos que foi unha política de éxito porque quen visita estes lugares comproban que están cheos de xente, de nenos e maiores que non tiñan o seu sitio no Porriño.
Desgraciadamente este era un lugar no que os veciños tiñan que vivir achicados.
– ¿A que cousas ten O Porriño que facerlle fronte nestes momentos (o AVE, educación…)?
– Imos ver, eu non lle fago ascos nin ao tema do AVE nin ao tema da vía. Son competencias que non son nosas pero lanzo unha mensaxe clara sobre ese tema: O Porriño non pode estar estabulado por esa vía. O Porriño necesita unha conexión con Vigo en dez minutos e iso non vai ser cuestión do AVE senón dun tren de cercanías, tanto para mercancías como para persoas, e non só de ida, tanto de ida como de volta. Pedimos una entrevista con quen ten competencias; queriamos que pararan o que estaban deseñando, se sentaran con nós e nos explicaran; de momento non houbo resposta. Pero O Porriño non se vai agachar nin diante de Fomento nin de Adif. Quero ser o suficientemente contundente para recordarlle que ninguén nos vai ningunear; como di o paisano quen queira pasar pola miña leira terá que poñerse de acordo comigo.
– ¿Que cousas importantes ten O Porriño nestes momentos?
– Hai unha cousa que eu creo que é moi importante. O Porriño é un enclave industrial moi potente e pronto vai ser tamén un enclave comercial; O Porriño non ten mar pero ten minería (canteiras) e industria forte.  Nós temos que aproveitar esa riqueza que está aí.  Esa riqueza que hai aí ten que reverter na cidadanía. No  Porriño o que necesitamos crear é unha rede de servizos sociais e de oportunidades sociais para a veciñanza.
Aquí a miña compañeira Duli, que emprega moitas horas, esforzo e moita ilusión, con esa labor calada e efectiva ten conseguido un dos maiores logros que ten, xa non este goberno, senón que se conseguiron no Porriño ultimamente, que é o plan municipal de emprego, que ao redor de 200 persoas no ano pasado acaden emprego a través das oficinas do concello é un logro importante. A xente quere que os concello se dediquen aos seu problemas reais, nós necesitamos que a xente teña vivenda, emprego,  que a infancia estea ben protexida, e de feito duplicamos as prazas de gardería coa construción da nova galescola; que as persoas maiores teñan un lugar onde poder estar cando teñan certa discapacidade ou certa dependencia, que é o centro de día que se está a construír en Torneiros, empezamos co tema do Alzheimer traspasado á Xunta, sendo o concello pioneiro en Galicia en montar unha unidade de atención ao Alzheimer
 Hai  o tema educativo que non depende de nós, pero hai un crecemento poboacional no centro urbano que fai que o Colexio Fernández López estea saturado; hai que empezar a prantexar a idea de que necesitamos unhas institucións escolares máis amplas dentro do centro urbano,  que a mocidade teña os seus espazos, que non o hai, que os centros culturais das parroquias non sexan meros edificios construídos senón que haxa oferta cultural, social e que sexan centros dinamizadores para as propias parroquias. O Porriño ten capacidade para crear un benestar na sociedade en todas as súas áreas e ten que facer investimentos e esforzos e este goberno os está facendo, que debe medir en cantas prazas escolares temos, cantas prazas infantís, cantas para os maiores, xente maior que queda nas parroquias abandonada neste momento que ninguén sabe deles e ninguén pode botar man deles;  nós temos que ser capaces de chegar cos nosos servizos de benestar aí, a atender esa situación;  hai xente que está a vivir en chabolas no Porriño;  mozos e mozas que non poden acceder aos pisos cos prezos que teñen, hai mulleres maiores de 35 e 45 que non dan atopado emprego porque a propia maquinaria empresarial as expulsa do sistema;  hai que conseguir que fagan unha adaptación nos seus currículos con  formación para que sexan contratadas nas empresas, como xa estamos conseguindo. Son os orzamentos máis grandes que nunca tivo O Porriño e eu creo que abren unha boa expectativa.
-¿Falando dos orzamentos, cal é o volume total dos orzamentos e que tanto por cento vai no capítulo primeiro destinado ao persoal?
– Son uns orzamentos de 23.800.000 euros e no capítulo de persoal van 6.000.000 de euros aproximadamente. Sobre o 25% máis ou menos.
– ¿Para rematar, se a oposición consegue formalizar unha moción de censura e o alcalde don Raúl ten que abandonar o sillón, cal sería a postura política do BNG como oposición no futuro do Porriño?
– Pídeme que me meta nunha hipótese que non contemplo, pero para poder contestala voulle dicir que o BNG está no concello do Porriño para defender os intereses do vecindario, xa na oposición o temos demostrado. E despois a cuestión persoal das persoas que están nos cargos, eu teño a fortuna de que dixen cousas no seu momento que agora podo botar man delas, cando saín elixido alcalde houbo un grupo que me acababa de votar como alcalde que dixo que eu era un alcalde efímero, practicamente que estaba para quince días, e eu dixen que todos estamos de paso, na democracia afortunadamente todos estamos de paso, entonces iso é ó que hai que acostumarse. Non existe o alcalde eterno, iso queda só para as monarquías absolutas, os demais estamos de paso, cada quen no seu momento, na súa vida ten que adaptarse ó que está.
– Despois de cinco anos, ¿existe o morbo do poder ou non?
– Eu non teño moito, realmente non. Quero dicir, esa cuestión que se fala da erótica do poder, diso nada, isto eroticamente é un pouco desprezable. A nivel dese morbo de ter poder ou non ter poder, eu non teño poder algún como persoa, o alcalde do Porriño ten certo poder. Sempre pretendín manter moi clariño unha cuestión, eu son un veciño do Porriño, dunha certa idade xa, que ten un traballo na educación e que provisionalmente está de alcalde, e que cando deixe de estar de alcalde vai seguir sendo o mesmo .

Advertisements

0 Responses to ““Que hoxe O Porriño non teña orzamentos non é responsabilidade deste goberno””



  1. Deixar un comentario

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s





%d bloggers like this: