Francés: “O noso xesto vai ser valorado positivamente pola cidadanía; nós non temos apego ao cargo”

Foto Hernández

:: Co plantexamento da moción de confianza os partidos que o vindeiro mércores voten en contra dos orzamentos terán a posibilidade de presentar unha moción de censura antes do prazo dun mes :

O vindeiro mércores 23 de xullo orzamentos do Porriño volverán a protagonizar un pleno extraordinario pero cun importante matiz: desta volta irán vinculados a unha moción de confianza prantexada polo alcalde da localidade, o nacionalista Raúl Francés. Isto implica que os partidos que o vindeiro mércores voten en contra dos orzamentos terán a posibilidade de presentar unha moción de censura antes do prazo dun mes.

D.G./O PORRIÑO

A decisión de Francés colleu por sorpresa aos concelleiros e concelleiras da oposición así como aos veciños e veciñas que ateigaban o salón de plenos. O alcalde chegou a esta determinación logo de escoitar como cada un dos voceiros dos diferentes partidos da oposición lle solicitaban que as contas quedaran “sobre a mesa”- seguramente a frase máis escoitada na sesión de onte- alegando “falta de tempo” para analizalos ou “o informe desfavorable” do interventor. Así e todo, a medida que avanzaba a sesión plenaria e os diversos voceiros ían intervindo, intuíase a total falta de apoio- de 12 dos 17 concelleiros da corporación municipal- ao documento económico redactado polos nacionalistas. Con todo, e logo de sentenciar “é mellor que O Porriño estea sin alcalde que sin orzamentos”, Francés lanzou a súa proposta, unha proposta arriscada que podería reactivar ao centrodereita porriñés aínda que esta reactivación pasaría, como é sabido, por un proceso de negociación donde terían que limar a serias difrencias que os ten enfrontados dende hai cinco anos.

Últimas valoracións de Raúl Francés

“Aqueles que se negaron a discutir os orzamentos co grupo de goberno teñen agora a oportunidade de formar eles un goberno e facer uns novos orzamentos”. Así de rotundo foi hoxe o alcalde do Porriño Raúl Francés na rolda de prensa convocada para este mesmo mediodía. “Sabiamos dende hai tempo que o debate dos orzamentos era importante. Hai máis dun mes que estamos agardando propostas de modificacións dos orzamentos por parte dos outros grupos e non se deron, houbo oportunidades de chegar a consensos e non foi así, estou bastante decepcionado. Non pode haber diálogo se un no quere, dende o BNG o tentamos e nos deron coa porta nas narices”, sinalou Francés.

En concreto, en canto á decisión de plantexar a moción de confianza amosouse convencido de que “o noso xesto vai ser valorado positivamente pola cidadanía, nós non temos, como queda claro, apego ao cargo”. Facendo un símil relacionado co mundo da mediciña aclarou: “A do Concello do Porriño non é unha enfermidade grave pero, igual que todos os concellos, ten problemas económicos. O que está claro é que para curar esa enfermidade, logo de ser diagnosticada, ten que haber receitas que tenten aplacala, e os únicos que as dimos fumos nós: os propios orzamentos e agora a moción de confianza. Creo que o BNG fixo un exercicio eminentemente terapéutico con esta proposta”, sentenciou o rexedor porriñés.

Sen adentrarse en analizar os movementos políticos que poidan acontecer nun futuro asegurou que “todos aqueles que calan e se instalan no derrotismo teñen que moverse e posicionarse”. “Aquí só pode haber dous gobernos: un co BNG e outro co PP. Cun do PP estivemos 22 anos no Porriño, cun BNG tan só 5 e os cambios foron notables. Coido que nestes momentos non sería bó dar un paso atrás”, sinalou Francés.

Para rematar o nacionalista quixo deixar claro que conta con todo o apoio do partido, tanto da dirección nacional como da asamblea local.

Ultimas reaccións dos diferentes grupos

“Deberíamos consensuar un goberno”

A Peneira da Louriña púsoxe en contacto cos diferentes voceiros da oposición para coñecer a súa opinión sobre os acontecementos: O voceiro de Independientes de Porriño, Gonzalo Ordóñez, dinos que “o que ten que facer un grupo con cinco concelleiros é conseguir unha maioría estable . Levan un ano e medio gobernando e actuando con despotismo”. En canto á moción de confianza en concreto e a posibilidade de formar un goberno de centro dereita no caso de que se prantexara unha moción de censura apuntou: “Sempre mantivemos que debe gobernar aquela opción con máis apoio social, e neste caso é  a dos tres grupos de centrodereita. É certo que deberíamos consensuar un goberno”. “Agora é o momento de averiguar si a oposición dura que está a facer Ciudadanos por Porriño é unha labor de fondo ou un prantexamento simplemente de cara a galería”. “De todos os xeitos se CxP non quixera entrar, o BNG debería configurar un goberno co PSOE e con nós”.

“Haberá moitas conversas”

Nelson Santos, voceiro de Ciudadanos por Porriño díxonos que “polo de agora non vamos a pronunciarnos sobre este tema, o mércores haberá un novo pleno e alí falaremos. Hoxe teremos unha reunión á noite e o que decidamos será o que levemos a esa sesión”. En canto á moción de confianza declarou:”Sen dúbida abre moitas posibilidades e haberá moitas conversas. En principio non temos pensado falar con ninguén pero si nos chaman, como de costume, reunirémonos”.

“Aventura perigosa”

Para o socialista Iván Vaqueiro, o alcalde do Porriño “non está actuando correctamente nin nas formas nin no fondo”. “Reunirémonos hoxe para facer unha valoración do asunto, pero sí pódovos adiantar que a postura de Francés é de total desprezo á corporación. Tivo sobre a mesa propostas para chegar a un goberno de maioría absoluta antes do pleno dos orzamentos e non as escoitou e agora métese nunha aventura perigosa “.

“CxP e o seu entorno ten que recapacitar”

Pola súa banda o voceiro do Partido Popular, Manuel Carrera, valorou para este xornal a decisión tomada por Francés e o ten claro: “Foi unha decisión precipitada. Nós, no pleno, pedimos que os orzamentos quedaran sobre a mesa, porque nos avisaron de que o informe do interventor estaba listo na mesma mañán da celebración do pleno, e non nos parece serio para unha sesión deste calibre. Nós queremos un debate en profundidade dos orzamentos e logo votar en consecuencia”. En canto á posibilidade que se abre para o centrodereita afirma que “imos a aproveitala”. “Temos que sentarnos a falar e a negociar e agardo que o grupo de Ciudadanos por Porriño e o seu entorno recapaciten e se decaten de que é unha oportunidade única”, sinalou Carrera. De todos os xeitos tamén recorda que “hai outras posibilidades de coalicións que levan tempo sobre a mesa”, referíndose a un posible pacto de goberno dos populares co BNG e a oferta dos socialistas e independientes de conformar goberno cos nacionalistas.

Frases en canto aos orzamentos…

Raúl Francés: “No informe o interventor fala dun desfase e nós estamos dacordo, hai que corrixilo, pero no prazo dun ano parécenos imposible”.

Pedro Pereira: “”Por parte da oposición hai máis interese por paralizar proxectos que por facer política de xestión”

Manuel Carrera: “Esiximos ter tempo, e non seis horas, para revisar o informe do interventor. Parécenos unha falla de respecto que se nos chame hoxe mesmo as 12 para dicirnos que está listo. É por isto que solicitamos que o pleno sexa suspendido”.

Nelson Santos: “Isto é como cando sucedeu a traxedia do Titanic… pedíronlle a orquestra que seguira tocando para que non se notara que o buque se afundía”

Iván Vaqueiro: ” Estes orzamentos, sr. Alcalde, son unha carta aos Reis Magos”

Gonzalo Ordóñez: “Fixéronse moitos sacrificios para que cambiaran as formas no Porriño e agora vostedes non están a altura das circunstancias e están volvendo a aquelas maneiras…”

 

Advertisements

1 Response to “Francés: “O noso xesto vai ser valorado positivamente pola cidadanía; nós non temos apego ao cargo””


  1. 1 asídua 19 Xullo 2008 ás 08:12

    Queridos xornalistas da Peneira agárdavos un verán do máis movidiño no Porriño. Pero eu, que tamén son profesional disto,dígovos que sigades traballando deste xeito, sodes unha auténtica referencia na comarca, xunto coa páxina do Faro, e ademáis influintes. Fantástico traballo D.G., de feito entereime de todo pola vosa blog a medida que ocorrían os acontecementos, como supoño que moita máis xente. Noraboa tamén pola edición impresa. A seguir así. Saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s





%d bloggers like this: