‘Romeu di que o parque comarcal de bombeiros do porriño brindará un servizo profesional, cualificado e avanzado’

 

:: ‘Con este parque dous de cada tres cidadáns pontevedreses terán unha resposta profesional e axeitada en menos de 20 minutos’ ::

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, declarou na inauguración do parque comarcal de bombeiros do Porriño – ao que a Xunta destinou 240.800 euros- que este parque permitirá “brindar un servizo profesional, prestado por persoas cualificadas especialmente formadas para esta especialidade e con instalacións e con equipos avanzados para dar resposta aos problemas de seguridade ante situacións de emerxencia que poidan ter os cidadáns”.

Segundo o conselleiro, “con este parque amplíase a cobertura profesional dos servizos de emerxencias ao 66% da provincia de Pontevedra e dous de cada tres cidadáns pontevedreses terán unha resposta profesional e axeitada en menos de 20 minutos”, que é o estándar europeo que, segundo Méndez Romeu, está fixado “como récord de calidade”.

Méndez Romeu sinalou que aínda queda moito por facer xa que se pretende “ampliar esta cobertura ao maior número posible de cidadáns de toda Galicia e facelo baixo as mesmas condicións de calidade no servizo e de profesionalidade na prestación”. Así, o conselleiro explicou que hai semanas que se están analizando, xunto coa Deputación provincial, as necesidades que se deben abordar e os investimentos que hai que achegar para atender ao máximo de poboación.

O conselleiro concretou que “con tres novos parques na provincia de Pontevedra acadaríase unha cobertura superior ao 90%, dentro dese tempo límite de 20 minutos”. Ademais, Méndez Romeu agarda que antes de rematar o presente ano se poida chegar a un acordo pleno para crear unha estrutura na provincia de Pontevedra, ao igual que nas outras tres provincias, que “homoxeneice as posibilidades de intervención en calquera situación de emerxencia e que permita unha planificación suficiente para dispoñer dos recursos necesarios”. Paralelamente, Méndez Romeu explicou que tamén se iniciaron conversas cos grandes concellos de Galicia para a comarcalización dos seus servizos co fin de que os concellos de Pontevedra e Vigo, que teñen parques propios de carácter profesional, os poñan a contribución da comunidade mediante as compensacións oportunas.

Ante as preguntas formuladas polos xornalistas, o conselleiro explicou que o obxectivo da política en materia de parques comarcais é chegar a cubrir a maioría da poboación e do territorio. Neste sentido, o conselleiro indicou que xa se lle presentou a cada unha das deputacións provinciais unha proposta para levar adiante nun prazo de tres anos un procedemento que garanta a plena cobertura do territorio e que significará a creación dun número importante de novos parques, a contratación dun número elevado de traballadores especializados e un procedemento de ordenación e coordinación que mellore substancialmente a capacidade de resposta ante calquera incidente.

Os consorcios provinciais, segundo Méndez Romeu, é unha proposta que se lle ven de facer ás deputacións provinciais e que o propio conselleiro desexa que remate en acordo antes de finalizar o presente ano para, a partir de aí, iniciar o proceso de construción das novas sedes e a selección do persoal.

Investimento e equipamento
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza participou con 240.800 euros na construción e no equipamento –mobiliario e material- do parque comarcal de bombeiros do Porriño, que tivo un investimento total de 1.602.000 euros. Deste importe, 1.000.000 de euros proceden de fondos europeos, 240.800 da Xunta, outro tanto da Deputación Provincial e o resto é de financiamento municipal. Este parque dará cobertura aos concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui.

Cabe destacar que o parque estará dotado dunha innovadora plataforma informática de xestión e mobilización de recursos para todos os parques que forman parte deste proxecto. Doutra banda, procedeuse á adquisición de tres camións contraincendios: un mixto de altitude-intervención, un lixeiro de intervención e outro camión nodriza.

A construción e o equipamento deste parque comarcal de bombeiros encádrase no proxecto europeo CEFROEM – concretamente no programa operativo Interreg III Galicia-Norte de Portugal- no que, ademais da Consellería de Presidencia, tamén participaron a Deputación provincial de Pontevedra e os concellos das comarcas do Baixo Miño, Condado e Louriña.

Proceso de modernización e mellora
Méndez Romeu destacou que se está levando a cabo “un proceso de modernización, de mellora da formación, de mellora das condicións de encadramento e das condicións retributivas de todos os profesionais que traballan nos servizos contraincendios e de salvamento”.

Deste xeito, o conselleiro amosou o seu desexo de “garantir unha estrutura profesional soportada por homes e mulleres permanentemente actualizados na súa formación, axeitadamente organizados e que ofrezan aos cidadáns esas garantías que eles demandan e que estamos en condicións de poder ofrecer co máximo nivel tecnolóxico e co máximo nivel de cobertura”. O que se pretende é que en Galicia “os niveis de resposta ante calquera situación de catástrofe estean á maior altitude e á maior esixencia posible”, segundo Méndez Romeu.

Doutra banda, o conselleiro subliñou que se está negociando un decreto que regulará a carreira profesional dos bombeiros e co que se pretende “unha estrutura profesional homoxénea e profesional que ofreza oportunidades de progreso aos seus membros, que mellore o seu marco retributivo e que ofreza aos cidadáns a garantía de ter uns profesionais o mellor formados posible”, segundo Méndez Romeu.

A formación, segundo o titular de presidencia, “será abordada no futuro pola Xunta de Galicia a través da Academia Galega da Seguridade Pública (AGASP), que está sendo transformada nun centro especializado de formación para todos os grupos profesionais que interveñen na seguridade dos cidadáns”.

Áreas metropolitanas
Ademais, o conselleiro agradeceu a invitación da Deputación de Pontevedra para avanzar conxuntamente nas “solucións concretas que se lle deben dar aos territorios densamente urbanizados, solucións metropolitanas que non van en menoscabo das competencias de ningunha autoridade, nin dos concellos nin das deputacións, senón que tratan de avanzar en algo que ata o de agora non foi suficientemente considerado: a análise das necesidades estratéxicas dos grandes territorios económicos”.

Deste xeito, Méndez Romeu sinalou que así continuará o pulo económico das áreas que, en definitiva, “son os verdadeiros motores do desenvolvemento económico e social na nosa Comunidade”. “Queremos facelo a través do diálogo e da comparación coas experiencias doutros territorios e, entre todos, avanzar tamén cara a solucións viables, avanzadas e respectuosas coas competencias de cada quen”, segundo avanzou o conselleiro.

Así, o titular de presidencia dixo que isto se enmarca no ámbito da planificación estratéxica e que as diferentes institucións deben ser convidadas a participar e a aportar as súas opinións xa que se trata de “consensuar posicións” e de “respectar o marco xurídico de concellos e deputacións”. Ademais, isto farase de acordo coa aplicación das directrices de ordenación do territorio e como organismos de planificación estratéxica, segundo explicou Méndez Romeu.

Advertisements

2 Responses to “‘Romeu di que o parque comarcal de bombeiros do porriño brindará un servizo profesional, cualificado e avanzado’”


  1. 1 diogo 26 Setembro 2007 ás 06:27

    Según diario “La Coz de Galicia” a día de hoxe (26/09/07)
    o parque de bombeiros non ten suministro eléctrico.
    A Nidia enchufou de todo menos a luz.

  2. 2 erika 2 Abril 2008 ás 07:41

    necesito informacion cos bombeiros de pontevedra, poder contactar con eles,para facer un traballo, axudademe

    gracias


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s





%d bloggers like this: