:: PP e IdeP avogan por un reparto proporcional das concellerías con Carrera como alcalde e agardan que Ciudadanos ceda. Nelson Santos reunirá á executiva do seu partido o xoves para tomar esa decisión ::
Todo apunta a que os orzamentos do Porriño non serán aprobados este mércores. De feito os grupos de centro dereita están a tomar xa posicións nun posible pacto de goberno resulta dunha moción de censura ao actual alcalde, o nacionalista Raúl Francés. O propio presidente provincial do PP, Rafael Louzán, declaraba hoxe mesmo que volverá a tomar cartas no asunto e a negociar directamente cos independentes. Os populares esperan que o apoio de IdeP estea asegurado se se manteñen as condicións da última negociación. O obstáculo continúa a ser Ciudadanos por Porriño, que ata o de agora sempre pediu a alcaldía para si. Algo que poderá cambiar este xoves, cando Nelson Santos reúna á executiva do seu partido para decidir que posición tomar, sempre e cando non se aproben os orzamentos.
Polo momento Santos se mantén aberto ao diálogo. “En caso de que me chame (en referencia a Louzán) nos sentaremos a falar e veremos cales son as condicións”, asegurou a A Peneira da Louriña. Sobre si continuará a manter a alcaldía como premisa para o pacto, Santos mantén a incógnita. “Decidirase na reunión da executiva”, apunta.
Pola súa banda Gonzalo Ordóñez asegura que está en disposición de negociar e de chegar ao fin a un acordo para un goberno estable, ben co PP e Ciudadanos ou con populares e socialistas, no caso de que os independentes non cedan . Neste senso Ordóñez valora moi positivamente a disposición tanto de populares como de socialistas, destacando “o comportamento de Iván Vaqueiro e os dous concelleiros do PSOE que veñen de demostrar que antepoñen os intereses dos veciños aos persoais”.
Manuel Carrera, voceiro dos populares no municipio e alcaldable nunha moción de censura agarda que Ciudadanos cambie a súa postura “pensando no interese dos veciños” e aposta, como Ordoñez, nun reparto proporcional do goberno con el como alcalde. De todas formas quere ser prudente e agardar ao que aconteza o mércores para comezar as negociacións.



0 Respostas to “O centrodereita xa traballa para a moción de censura”