O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou o proxecto do centro de día do Porriño, un equipamento que se integra na Rede Galega de Centros de Día que impulsa a Vicepresidencia a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e que Quintana considera “un bo exemplo da construción do Sistema Galego de Benestar”.
O vicepresidente estivo acompañado na presentación polo xerente do Consorcio, Lois Pérez Castrillo, e pola secretaria xeral de Benestar, María Xesús Lago. Ademais, tamén acudiu o delegado da Vicepresidencia en Pontevedra e o alcalde do Porriño, así coma outros representantes municipais da comarca.
Quintana explicou que o futuro equipamento é boa mostra de que “pola vía da colaboración institucional, co traballo man con man entre Xunta e concellos, se pode mellorar a calidade de vida dos veciños creando servizos de benestar útiles, accesibles e de calidade, e xerando novos postos de traballo e oportunidades de emprego”.
A obra do centro de día do Porriño ten un orzamento de 829.000 euros e foi licitada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar dentro do Plan de Equipamentos para a Dependencia 2007-2010. As instalacións disporán dunha superficie de 780 metros cadrados, e contarán con 40 prazas de atención diúrna da man de profesionais das áreas sanitarias e sociais. Ademais, contará con servizo de transporte adaptado para o traslado dos usuarios ao centro.
Coa finalidade de mellorar o contorno do centro e a súa accesibilidade, o proxecto do centro de día incorpora a urbanización exterior de 1.500 metros cadrados de parcela e a creación dun aparcadoiro de 360 metros cadrados.
O compromiso co coidado do medio ambiente tamén forma parte das caracterísiticas deste centro, xa que estará equipado coas últimas tecnoloxías e medidas de aforro enerxético, como instalacións solares para a produción de auga quente e calefacción, e a recollida de pluviais para o mantemento das zonas verdes.



0 Respostas to “Comezan as obras de construcción do Centro de Día do Porriño”