
:: A empresa, que levaba dende o 94 traballando en Mos, non dispuña de licencia de actividade ::
María Jesús Escudero, alcaldesa de Mos, comprometeuse esta mañá a concertar unha reunión entre os 24 traballadores despedidos da empresa mosense Maquipés e o delegado provincial de Traballo, á que asistirá tamén o xefe de Inspección de Traballo. O obxectivo é axudar aos traballadores a buscar unha solución ou amparo a súa situación.
Segundo informou a alcaldesa a A PENEIRA, esta empresa, que leva dende 1994 instalada en Mos, non dispuña de licencia de actividade.
Os traballadores se manifestaban esta mañá fronte a casa consistorial de Mos para pedir unha reunión coa alcaldesa, que de seguido se preocupou pola súa situación. Son 24 traballadores, o total dos empregados da empresa, que a primeiros de febreiro se viron na rúa cun despido disciplinar por, alude a empresa, non acudir ao seu posto de traballo durante tres días, 29, 30 e 31 de xaneiro, polo que se procedeu o 2 de febreiro ao peche patronal e o 3 ao despido. Os traballadores aseguran que se trata dun despido improcedente, porque “non só podemos demostrar que estabamos traballando, senón que o día 29 o inspector de traballo se personou nas instalacións”, asegura Diego Lorenzo Vila, representante sindical de UGT.
Os traballadores, con contrato fixo, e algúns con máis de dez anos na empresa, descoñecen o motivo real dos despidos. “Continuaba a haber traballo, aínda que dende fai algún tempo negábanse a facer algúns traballos e a recibir clientes”, explican. `Por isto, din, o veían vir. Tamén porque o administrador da empresa, Rafael González, deixou o seu cargo a finais de decembro “e xa comezara a descapitalizar a empresa. No seu lugar puxeron a un mozo de 18 anos”.
Os traballadores denunciaron o acontecido xa no xulgado e, logo de dous meses sen cobrar e fartos de facer guardia nas instalacións de Maquipés, situadas en Cabaleiros, decidiron levantar un acta notarial para que a maquinaria non saia da nave.
Mentres tanto fan o que poden, sen emprego, con hipotecas,e algúns a piques de xubilarse, se están a manifestar para facerse oír. Esta mañá estiveron na delegación da Xunta en Vigo e no concello de Mos. Mañá tócalle o turno á empresa Hermanos Rodríguez Gómez, en Bouzas, cuxo xerente é o socio maioritario de Maquipés.


Pois se media Escudero… Que se poñan a tremer.. os traballadores digo