Marcos Besada: ‘O noso gran premio foi que a xente visualizara a nosa candidatura como forza útil e maioritaria’

                                      O BNG acadou uns resultados históricos en Salceda de Caselas. Marcos Besada, o candidato nacionalista á alcaldía, é consciente deste feito e do cambio que significa para un municipio que estivo, desde a chegada da democracia, gobernado pola mesma persoa. Fala con tranquilidade destes intensos últimos días en que as eleccións municipais centraron a súa vida.  Non ten ningún reparo en afirmar que o vindeiro 16 de xuño haberá un novo goberno no que estarán BNG e PSOE.

   

Antón Fernández Escuredo 

-Que valoración faría dos resultados?
Para o BNG absolutamente satisfactorios. Conseguimos tres obxectivos fundamentais. O primeiro foi convencer a veciños e veciñas de Salceda de que o cambio era posible, que perderan o medo a ese cambio e ao BNG e ao nacionalismo mediante unha campaña masiva con moita expectación, seria e divulgativa. Conservamos o mellor do BNG desde hai moitos anos e engadimos apoios moi significativos de persoas con ampla experiencia. Por iso o 27 de maio todo ese esforzo de anos deu o resultado da caida do réxime de 31 anos de Chicho. Os veciños e os sectores produtivos de Salceda déronse conta de que Chicho era un problema, unha persoa anclada no pasado que non se adaptou ao cambio de goberno na Xunta con respecto a outros alcaldes do PP. Mesmo non tivo os apoios tradicionais que ata traballaron para que houbera cambio. O noso gran premio foi que a xente visualizara a nosa candidatura como forza útil e maioritaria.
A nivel nacional tamén rompimos co tópico do tope electoral do BNG. Con traballo e seriedade podes chegar a vencer a unha persoa como Chicho.
 
                                                     
 

-Como van os contactos co PSdeG-PSOE?
Sabemos que a xente apostou polo cambio. Neste sentido o voto indicou que BNG é a forza maioritaria e polo tanto a escollida para liderar ese cambio. Por último os resultados sinalaron que había outra forza que apostaba polo cambio, o PSdeG-PSOE que podería participar. A asamblea do BNG interpretou que debemos facer un esforzo para confeccionar un goberno de coalición como xa existe na Xunta, sempre e cando o PsdeG-PSOE tivera claro o mandato dos veciños. Tivemos xa dous encontros, un o 1 e outro o 6 de xuño onde estivemos negociando. Coido que en próximos días chegara o acordo. No tocante ás faladurías destes días na comarca e na vila coido que foron consecuencia da situación novedosa e de comentarios intencionados da dereita “chichista”. Non me cabe a menor dúbida de que haberá un goberno do BNG e o PSOE.

-Despois das eleccións cambiou o trato dalgúns veciños co BNG?

O cambio xa pasou antes das eleccións. Días antes das eleccións había certa euforia por parte dos veciños, mesmo no trato persoal. Constatamos ese achegamento ata en persoas próximas a Chicho e ao PP. Os datos din que centos de persoas que votaron por el agora votaron polo BNG. Nas parroquias houbo ese cambio e notamos a participación da xente que nos contaba os seus problemas. Salceda é un concello moi pequeno onde nos coñecemos todos.
 

-Durante a campaña houbo apoio de cargos institucionais nacionalistas da Xunta. Supoño que houbo algunha chamada de felicitación despois destes resultados…
Si, tivemos moito apoio. Na precampaña e na campaña demostramos que Salceda sería importante no cambio. Por aquí pasaron directores xerais, moitos compañeiros e o Vicepresidente do goberno galego, Anxo Quintana. Notouse máis porque, por exemplo, a Chicho non lle veu ninguén excepto o presidente da Deputación. Igual é porque xa o tiñan “amortizado”. Despois, o propio día das eleccións todos me felicitaron.

-Pódese dicir que Salceda pode ser un exemplo para os nacionalistas?
Si, é un exemplo para o BNG, para o nacionalismo e para todos aqueles que apostan polo cambio de mentalidade, de cultura política e democrática. Demostramos que o nacionalismo non ten topes. Lembro dun estudo feito hai anos que dicia que o votante do PP se tiña que cambiar o seu voto sería para pasarse ao BNG por proximidade. Coido que, facendo unha reflexión máis ampla, o PP saiu perxudicado da actuación do seu partido a nivel estatal. A dereita galega non é a mesma que a estatal.

-Cal sería a primeira actuación a realizar no novo goberno?
O primeiro sería o modelo social e urbanístico. Urxe un novo. Un Plan Xeral consensuado con todo o mundo, que non só defina a construcción e os núcleos de poboación na vila senón tamén os equipamentos. Un modelo que respecte o medio ambiente e á sociedade. É fundamental que o concello dispoña de chan público para o máis urxente como o centro de saúde e un novo colexio de primaria.
Despois que os veciños sexan copartícipes do cambio. Isto visualizarase o propio día da investidura e cun diálogo permanente, implicándo ás entidades para que non sexan só expectadores. A menos que sexamos moi burros o cambio pode ser por moitos anos. O listón está baixo e se contamos coa xente e respectamos as súas ideas Salceda ten un futuro na Área Metropolitana esperanzador e pode ser un exemplo para toda a comarca e para todo o país.

5 Respostas to “Marcos Besada: ‘O noso gran premio foi que a xente visualizara a nosa candidatura como forza útil e maioritaria’”


  1. 1 anonimo 14 Xuño 2007 en 19:58

    Grazas por traballar tanto, agora quédache un longo camiño.
    Creo que o que máis necesita Salceda é un novo plan, estou contigo (pon a todos eses aproveitados no seu sitio),pensa nunha circunvalación. O centro médico tamén é moi necesario,un parque…..En xeral quédache moitísimo traballo, xa que o outro non fixo nada. A por todas.

    Sei que serás o alcalde de todos.

  2. 2 xoan 17 Xuño 2007 en 06:14

    Ben,noraboa!

    Agora toca travallar arreo, para que as infraestruturas do pobo , medren do mesmo xeito que a poboación.Para achegarnos a Vigo promovendo unhas comunicacions mais axeitadas e rápidas.Así como unha ligazón direita a autovía.
    Humanizar o Pobo , para non ter que ir a concellos veciños, mellorar o servicio de correos que ainda depende do Porriño, e quizais un servicio de urxencias permanente.
    Facer amplias aceras e un parque para os cativos.
    Mellorar as actividades culturais, apoiando as entidades que levan o nome do concello por ahi adiante con axudas significativas.
    En fin…, moito queda por facer..
    Paga a pena travallar por lo pobo.
    Sorte e exitos.

  3. 3 José Luis 7 Xullo 2007 en 10:56

    Do discurso se desprende que o novo alcalde ten gañas de facer cousas. Probablemente cousas que se deberan facer moito antes. O cambio foi posible a xente que pola presión inmobiliaria de Vigo e arredores, atopa en Salceda un lugar donde vivir e ter familia. Por esa xente urxe acometer cambios. Vou enumerar algúns das que o meu parecer teñen unha maior importancia:
    1.-Centro médico: non hai nin urxencias nin asistencia polas tardes. Tódolos servizos deberan ter quenda de tarde.
    2.-Colexio de secundaria: atópase lonxe do centro e os rapaces deben rematar o bacharelato no Porriño.
    3.-Espacios de lecer: temos un rio que lle da nome o noso concello totalmente descoidado. Pódense facer encoiros u sendas que percorran as marxes.
    4.-Paisaxismo e monte: Salceda atópase nun dos vales mais bonitos da zona. Calquera que se poña a admirar os nosos montes o único que vai ver son canteiras que ameazan con destrozar este entorno. Xa non se pode disfrutar do monte. Non pode ser que a carta de presentación ao noso pobo sexa unha escombreira ilegal e perigosa. A xente de Salceda é xente que quere disfrutar do entorno.
    5.-Parroquias. Son as parroquias as que lle confiren esa característica paisaxística a Salceda. Estas deben crecer de acordo cos recursos existentes. Hai que facilitarlle aos veciños desas parroquias recursos básicos e que confiren un dereito indiscutible: abastecemento de auga e saneamento.


    Moitas son as cousas que hai que facer. Anímote Marcos a que poidas levar a cabo os teus plans para Salceda e que estes non se alonxen moito do que eu indico nestas liñas.
    Sorte,
    Un salcedense esperanzado

  4. 4 Ana 20 Novembro 2007 en 22:20

    Moitas felicidades de alguen que fai anos que non nos vemos
    pero que me alegro moito de que valoraran o teu longo traballo e dedicación a polica …….coido que todo o que che queda por facer será ben feito.
    un abrazo.

  5. 5 Santi Carvalhido 21 Xaneiro 2008 en 08:57

    Que convenzas pra traer a Martin Sheen (Ramon Estevez) ou a alguns dos seus filhos (Emilio Estevez, Charlie Sheen) a visitar a terra do seu pai…E dos poucos actores de Hollywood que mantenhem umha linha etica e de compromiso e tudo o mundo sabe que o seu pai e galego…De onde?? de Parderrubias-Salceda de Caselas…Podedes mirar na web pra contactar com ele…Ja sei que nom e umha prioridade inmediata, mais acho que seria umha boa cousa…Dar a conhecer o concelho e espertar a curiosidade do mundo por umha razom


Deixa un comentario